02:03 h. viernes, 19 de abril de 2024

FORON A GRAN FESTA DA ESCENA GALEGA

Os premios María Casares consagran a 'Un cranio furado'

Agencias  |  24 de marzo de 2011 (12:19 h.)
Quico Cadaval na gala dos XV premios María Casares de Teatro
O Teatro Rosalía de Castro acolleu está noite a gran festa da escena galega, coa cerimonia de entrega dos XV Premios de Teatro María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).

O Teatro Rosalía de Castro acolleu está noite a gran festa da escena galega, coa cerimonia de entrega dos XV Premios de Teatro María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).

A gala, un ano máis, celebrouse na Coruña, o lugar de nacemento da que foi filla predilecta da cidade, María Casares. Máis de 550 persoas, entre actores, actrices, autores, produtores, músicos, bailaríns, directores e demais profesionais de todas as ramas deste sector, non se perderon a cita co teatro galego.

O espectáculo sorprendeu pola súa estética e ritmo terroríficos. Estivo dirixido por Carlos Sante e Juanillo Esteban, con dirección musical de Gastón Rodríguez e idea orixinal e guión, de Willy Éter. A cerimonia mobilizou a máis de 70 profesionais.

Presentaron Gonçalo Guerreiro e Pedro Brandraiz, adecuadamente caracterizados como o Doutor Crisè e o seu axudante Casemorro, acompañados de artistas como o escocés Johnny Melville.

Un dos momentos máis emocionantes da cerimonia foi a entrega a Xan Cejudo do Premio de Honra Marisa Soto. O coruñés, premiado na súa cidade, amosouse moi agradecido e emocionado por este galardón co que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) quixo recoñecer a longa traxectoria deste “mestre de mestres” e máis a súa singular contribución á profesionalización do teatro en Galicia.

Durante a cerimonia, o historiador e presidente do Consello da Cultura Galega Ramón Villares leu o Manifesto Galego do Día Internacional do Teatro.

Pola súa parte, na súa intervención, o presidente da AAAG, Antonio Durán “Morris”, apuntou que ”os axustes económicos nos investimentos que fai o Goberno a través a Consellería de Cultura poñen en serio perigo todo o conseguido ata hoxe. Rebaixar nun 20% o investimento nos nosos espectáculos suporá para moitas compañías e moitos profesionais ter que colgar o cartel: “Suspéndese a función”.

“Hoxe” –sinalou Morris- “cando máis deberiamos pensar en como salvar o tecido cultural deste país, con todo o que iso implica, parece que xa todos nos contaxiamos dese gran debate que é a Cidade da Cultura: Contedores e Contidos, onde xa non sabemos cales son os contedores, cales os contidos, ou se os propios contedores pasan a ser contidos”.

Pero, o presidente da AAG, destacou: “malia a todo, debemos estar tranquilos. Tempo haberá para debatelo: somos actores, somos actrices, amamos a escena, estamos aquí e seguiremos estando. Só pedimos facelo coa dignidade que nós e o público nos merecemos”.

Os XV Premios María Casares contan coa colaboración, entre outros, de AGADIC, Concello da  Coruña, Fundacion AISGE, Novacaixagalicia, GADISA, Concello de Ames, Cadena Ser e TVG.

'Un cranio furado' de Quico Cadaval foi o gañador da noite.

LISTADO COMPLETO DE GAÑADORES

MELLOR MAQUILLAXE: Tanxarina por “Trogloditas” de Tanxarina
MELLOR VESTIARIO: Carlos Alonso por “Trogloditas” de Tanxarina
MELLOR ILUMINACIÓN: Suso Díaz por “O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca” de Sarabela Teatro
MELLOR MÚSICA ORIXINAL: José Luis Prieto e Carlos Mosquera “Mos” por “Life is a Paripé” de Obras Públicas
MELLOR ADAPTACIÓN-TRADUCIÓN: Avelino González por “Memorias das Memorias dun neno labrego” de Abrapalabra Creacións Escénicas
MELLOR TEXTO ORIXINAL: Rubén Ruibal por “Limpeza de Sangue” de Espello Cóncavo
MELLOR ESCENOGRAFÍA: Marcelino de Santiago “Kukas” por “Un Cranio Furado “ de Producións Teatráis Excéntricas
MELLOR ACTRIZ SECUNDARIA: Marta Ríos por “Volpone” de Talía Teatro.
MELLOR ACTOR SECUNDARIO: Santi Romay por “Un Cranio Furado “ de Producións Teatráis Excéntricas
MELLOR ACTRIZ PROTAGONISTA: Iolanda Muiños por “Life is a Paripé” de Obras Públicas
MELLOR ACTOR PROTAGONISTA: Evaristo Calvo por “Un Cranio Furado“ de Producións Teatráis Excéntricas
MELLOR DIRECCIÓN: Marta Pazos por “Super8” de Voadora
MELLOR ESPECTÁCULO: “Un Cranio Furado“ de Producións Teatráis Excéntricas

Noticias de hoy
Hemeroteca