00:03 h. sábado, 20 de abril de 2024

GALICIA

O PP mantén nas súas Directrices do Territorio o que criticou ao bipartito

DAVID REINERO  |  10 de diciembre de 2009 (00:36 h.)
Segue a Metrópole das Rías Baixas, rexeitada por Porro; Chantada por baixo de Monforte, como criticaba Abella; e non está o Camiño da Costa

Cando o bipartito presentou as Directrices de Ordenación do Territorio, no verán de 2008, as críticas xerais do PPdeG ao documento limitáronse a dicir que non era máis que unha copia do avance que deixara feito Feijóo en 2005. Á espera dun debate parlamentario que nunca se chegou a producir, o partido non entrou a valorar o contido concreto do documento, aínda que algunha das súas fontes e mesmo da Consellería de Medio Ambiente recoñecen que, en liñas xerais, o documento é válido.

Porén, diversos voceiros locais dos populares si criticaron, axitando novamente a pantasma do localismo, cuestións puntuais daquelas directrices. Hoxe, o documento resumo que acaba de someter a avaliación ambiental a Xunta mantén xusto as poucas cousas que foron criticadas por políticos do PP.

Un dos elementos que non gustaba ao PP de Vigo era que as directrices falaban dunha Metrópole das Rías Baixas que englobaba á súa cidade con Pontevedra. A pesar da argumentación do bipartito de que esa non era unha configuración administrativa senón soamente para servizos, Corina Porro protestou dicindo que Vigo merecía ter a súa propia área metropolitana, de 14 concellos, distinta da de Pontevedra. O documento que agora vén de expor o PP mantén a mesma Metrópole das Rías Baixas.

Obipartito tamén xerarquizaba os principais asentamentos de poboación, de xeito que tras esas metrópoles (Vigo-Pontevedra e A Coruña-Ferrol) e as áreas urbanas de Santiago, Lugo e Ourense había 17 cabeceiras do “sistema urbano intermedio”. Entre elas estaba Monforte de Lemos, pero non Chantada, relegada ao seguinte chanzo, o das subcabeceiras. Isto fixo que a entón deputada e agora secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, de Chantada, reclamase para a súa vila o mesmo rango que Monforte, pero no novo documento segue sendo subcabeceira.

Do mesmo xeito, nos últimos meses o PP vigués e do Baixo Miño congratulouse de ter acadado o recoñecemento dunha nova ruta a Santiago, o denominado Camiño Portugués pola Costa, que en vez de comunicar Tui con Redondela polo Porriño, como o Camiño Portugués tradicional, desvíase por Oia, Baiona e Vigo. Porén, as directrices que agora expón ao público a Xunta seguen sen recoller dito camiño.

Polo contrario, si desapareceu, polo menos do resumo sometido agora a exposición públical, un elemento que causou especial indignación na Coruña. As directrices territoriais do bipartito facían referencia a Vigo como “capital” da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, o que foi motivo de crítica por parte de todas as formacións políticas da Coruña. En concreto, o texto anterior dicía que Vigo era un “punto clave para configurar a futura capital da Eurorrexión”.

No novo documento –polo menos no seu resumo– xa desapareceu esa referencia. Agora, de Vigo só se di, nese contexto, que ocupa “unha posición central na Eurorrexión que permitirá a este espazo asumir un crecente protagonismo nesta nova estrutura territorial”.

As directrices aínda poden sufrir cambios, tanto por parte da Xunta como froito das alegacións que se volvan presentar. Ademais, o Goberno unicamente expuxo un resumo para a tramitación ambiental, non o texto completo. E nese resumo non aparecen as “determinacións”, a parte dispositiva do documento. Isto é, tras unha primeira parte expositiva e de definición do modelo territorial, a segunda parte do documento debe establecer as “normas” –197 para o bipartito– coas que acadar dito modelo.

Noticias de hoy
Hemeroteca