11:17 h. viernes, 29 de marzo de 2024

QUEREMOS GALEGO ORGANIZA A CUARTA GRAN MANIFESTACIÓN CONTRA A POLÍTICA LINGÜÍSTICA DO PP

Queremos Galego volve saír á rúa

Agencias/xornal  |  17 de mayo de 2010 (14:26 h.)
Saen de festa as letras galegas pero, como ocorreu o ano pasado, a data volve alcanzar toda a súa amplificación en forma de protesta.

Saen de festa as letras galegas pero, como ocorreu o ano pasado, a data volve alcanzar toda a súa amplificación en forma de protesta. Non é o escenario soñado, pero o conflito lingüístico está instalado no país de forma moi significada dende o retorno do PP á Xunta, feito que estivo acompañado pola elaboración dun novo decreto sobre o galego no ensino que ten provocado unha inédita onda de críticas que hoxe adoptarán forma de manifestación. Ás doce da mañá, da Alameda de Compostela, partirá a marcha convocada pola plataforma Queremos Galego e apoiada por decenas de asociacións políticas, sociais ou culturais. O obxectivo, facer cambiar as apostas lingüísticas do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

O ano pasado, foron 40.000 as persoas que saíron á rúa o 17 de maio. Posteriormente, a cifra subiu a 50.000 o 18 de outubro e o 21 de xaneiro. Polo tanto, ademais doutras moitas concentracións ou festivais que tamén xuntaron a milleiros de persoas, esta será a cuarta gran manifestación que atura o Goberno do PP por razóns idiomáticas. E unha característica de todas elas foi a pluralidade dos reunidos. De feito, o PSOE non apoiou de forma oficial a convocatoria do Día das Letras do ano pasado, á que si acudiron moitos socialistas a título individual, pero dende entón non faltou a ningunha, con presenza de ministros incluída. Hoxe volverá a facerse ver a Executiva do PSdeG, co seu líder Pachi Vázquez á fronte. Por suposto, tamén o BNG estará presente en primeira liña, xa que forma parte da plataforma convocante. E entre a multitude, máis dun militante do PP consciente do valor da defensa da lingua propia. Agárdanse milleiros de persoas malia que a ponte festiva pode reducir presenza, pero os organizadores esperan manter os niveles de asistencia e de feito a marcha finalizará na Praza do Obradoiro, de gran capacidade.

A incomodidade ante esta nova mobilización xa é patente no PP, que ten elevado o ton nos últimos días, pasando de acusar os manifestantes e á oposición de querer “impoñer o galego” a, directamente, asegurar que pretenden “unha ditadura lingüística”. Queremos Galego contesta: “Feijóo non cre no país, nin na súa economía, a súa lingua e a súa cultura”. A unión destes eixos será o núcleo da reivindicación. O galego volve saír á rúa.

Noticias de hoy
Hemeroteca