00:57 h. viernes, 29 de marzo de 2024

AUTOMOCIÓN

A Xunta non facilita datos sobre as solicitudes ao Plan ‘Re-Móvete’

Sergio Barbeira  |  03 de julio de 2009 (01:11 h.)
Economía e Industria xa recibiu “moitas peticións” dos medios sobre as matriculacións rexitradas en xuño, pero estudia como facelos públicos

Despois de máis dun mes en funcionamento, pouco se coñece sobre o número de solicitudes rexistradas ao Plan ‘Re-Móvete’ impulsado pola consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia. O único dato facilitado ata o momento é o da primeira quincena en vigor do plan. Segundo comunicou no Parlamento galego o director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Joaquín Varela, os concesionarios tramitaron “máis de 200 peticións” para a compra de vehículos nese periodo.

Finalizado o mes de xuño, aínda non se coñecen as matriculacións correspondentes ao Plan Re-’Móvete’ e Economía e Industria non quere facilitar os datos polo de agora, malia ter recibido “moitas peticións” doutros medios de comunicación. Sen embargo, na consellería están á espera de recibilos pero estudian a forma de dalos a coñecer, segundo confirmaron fontes de Economía.

 

\"ESCURANTISMO\"

Segundo asegurou a Xornal o deputado socialista no Parlamento galego, Abel Losada, por parte da Xunta hai un “escurantismo” no que respecta a informar sobre o plan de axudas directas. De feito, Losada denuncia que “aínda non existe ningún decreto publicado” no Diario Oficial de Galicia (DOG), mentras o Plan 2000E aprobado polo Goberno central saíu no Boletín Oficial do Estado (BOE) pouco despois de ser ratificado no Consello de Ministros.

Outro dos problemas que os socialistas galegos atopan ao programa refírse ao ritmo de solicitudes. Nos primeiros 15 días foron 200 e Losada destacou que “de seguir así, remataría o ano con 2.400 solicitudes, moitas menos das 7.000 previstas” polo departamento de Economía e Industria do Executivo autonómico.

Para o PSdeG, o plan “é un desbaraxuste xa que información está moi mal difundida”. O feito de que a Xunta axude con 700 euros aos vehículos máis caros é, para os socialistas, unha medida “regresiva” dende o punto de vista da renda, por primar a compra de vehículos que só poden comprar as persoas con maior poder adquisitivo.

 

RECUPERACIÓN DO MERCADO

O pasado luns Xornal de Galicia informou en exclusiva do incremento das vendas de automóviles a particulares por primeira vez en 31 meses. En Galicia o mes de xuño pechou cun incremento do 15,9%, cando o mes anterior se desplomou un 17,23%. Segundo datos facilitados por Faconauto, “é algo moi positivo porque a venda a particulares é o pulso real do mercado”. Ademáis, advertiu de que “sen dúbida”, o Plan 2000E “revertiu rapidamente a situación do mercado e conseguiu reactivar a demanda real”.

Entre xaneiro e maio de 2009 as matriculacións de vehículos en Galicia só se incrementaron nos menos contaminantes, aqueles que non emiten máis de 120 gramos de CO2 por kilómetro percorrido. En concreto, matriculáronse 6.162 vehículos, un 4,55% máis. No mes de maio esa subida foi moito maior, do 30,61%, segundo os datos cedidos por Faconauto a Xornal de Galicia.

Os datos de Faconauto tamén anunciaron unha suba para o resto do Estado, pero que destaca especialmente en Galicia, algo que a consellería de Economía e Industria considera que se debe tamén ao Plan–Re-Móvete’. “Algo terá que ver a iniciativa da Xunta”, asegurou a Xornal un voceiro do departamento dirixido polo popular Javier Guerra.

Noticias de hoy
Hemeroteca