05:35 h. viernes, 29 de marzo de 2024

REPORTAJE

‘Cruising’: en busca de sexo cando cae a noite

Xornal.com  |  15 de noviembre de 2009 (01:09 h.)
Praias nudistas, como Barra ou Bascuas, e recunchos nos campus universitarios serven de punto de encontro

A liberación sexual acontecida nos últimos anos rachou con numerosos tabús e permitiu unha progresiva exteriorización das distintas manifestacións de amar e de relacionarse. Porén, quedan recunchos para a clandestinidade e para o exercicio da liberdade sexual dun xeito menos explícito. En todas as cidades de Galicia e nas vilas importantes hai lugares coñecidos como zonas de cruising, onde maioritariamente homes buscan sexo con outros homes aos que non coñecen.

As zonas de cruising están apartadas e son lugares con pouco movemento. A busca do sexo comeza cando cae a noite. O lugar está en silencio, só se escoitan os ruídos dos coches e os pasos dos que elixen o sexo cun descoñecido. Camiñan dun lado para outro, acenden un cigarro, míranse e a oralidade substitúese por xestos e signos recoñecibles.

Os protagonistas non queren ser descubertos e a irrupción dos curiosos é rexeitada con miradas pouco amigables. Unha destas zonas é a situada no campus sur da Universidade de Santiago. Xerardo, de 29 anos, di ir con frecuencia e explica: “aquí vénse ao que se vén, queres sexo e valo atopar de seguro” . Non entende por que motivo escandaliza tanto “porque isto sempre o houbo e a verdade non me pregunto se isto é consecuencia do relativismo moral, de que antes non había lugares de ambiente; eu veño e punto”. O mozo recoñece que non revela no seu entorno esta afición “porque a xente é moi cerrada, aínda que a todos nos gustaría facelo”. Xerardo convida a botar a vista atrás e a acordarse do “palleiro”, lugar onde se gardaba a herba para o gando, e “onde, coma todos sabemos, pasaban moitas cousas entre homes e mulleres ou homes con homes, porque aínda que pareza o contrario os galegos non somos puretas”.

 

Sen interrupcións

A zonas de cruising teñen máis movemento polas noites, pero comezan a aparecer algunhas onde a actividade é incesante ao longo de toda a xornada. M.J. ten 30 anos, e leva practicando esta actividade dende os 20, cando empezou a estudar fóra da casa. Recoñece que ao principio ía moito ás estacións de autobuses, aos baños públicos, pero “isto foi en decadencia porque nos edificios empezaron a pór vixiantes e prohibírono”. J. M. conta que saía da casa e que se atopaba con ganas de relaxarse, se achegaba “a onde había tema”. Nunca pasou medo e nunca presenciou ningún incidente importante, pero matiza: “Unha das veces estaba na área de servizo da AP-9 Santiago-A Coruña, en Sigüeiro, había coches e xente dun lado para outro e, de súpeto, unha parella da garda civil achégase, e pídeme a documentación, ademais de preguntarme que estaba a facer alí, eu díxenlle que nada, colléronme o carné e responderon: boa tarde”.

 

Nas praias

Outras das zonas máis concorridas sitúanse nas praias nudistas de Barra (Cangas do Morrazo) e Bascuas (Sanxenxo). Nos meses do verán, os paseos de moitos dos homes e mulleres ao carón da beiramar rematan entre as rochas. Un observador deste fenómeno asegura: “A min gústame ver e participar do cortexo desmitificador que supón ir a un cruising”. Para este cidadán, que se fai chamar Observador, existen poucas diferenzas entre ligar nun bar e despois manter unha relación con esa persoa a coñecer alguén nunha zona de deste tipo. “Nos dous supostos acodes coa mesma finalidade pero no cancaneo evitas os prolegómenos”, afirma.

Segundo as testemuñas recollidas por Xornal de Galicia o cruising convoca xente que asumiu perfectamente a súa sexualidade, a heterosexuais que buscan algo distinto, a homosexuais que buscan vivir na clandestinidade e que non asumen a súa sexualidade ou a persoas que teñen curiosidade”. A maneira de contactar é a través de páxinas web ou doutros usuarios, pero o obsevardor anónimo co que falou este xornal asegura que “a rede facilitou moito as cousas e hoxe até se emprega para crear novas zonas de cruising e convocar a xente en vilas medias”.

A conduta sexual, segundo distintas fontes, non presenta ningún tipo de característica ou relevancia especial dende o punto de vista psicolóxico ou clínico, porque segundo varios psiquiatras “trátase dunha opción que elixe cada un en función da súa liberdade” e dende o punto de vista legal, coa derogación do delito de exhibicionismo e provocación sexual, non existe ningunha normativa que regule a práctica sexual fóra de espazos pechados.

Unha das formas de entender o fenómeno do cruising pódese atopar ao interpretar os versos da poeta galega Rosa Enríquez: “Ao caer a noite, cae o vestido, caen as miserias e a voracidade toda...”.

Noticias de hoy
Hemeroteca