11:39 h. Martes, 15 de octubre de 2019
ACTUALIDADE

Vigo, pioneira na integración de inmigrantes

Xornal.com  |  12 de noviembre de 2009 (17:48 h.)
Más acciones:

Vigo será a primeira cidade galega que contará cun Plan de Inmigración en Galicia, no que se aplicarán medidas ao longo de catro anos. As iniciativas que recolle este plan céntranse, principalmente, na acollida, na orientación xurídica, laboral e en materia de vivenda, coa implementación dun programa de intermediación de vivenda entre propietarios e arrendatarios e dun programa de aloxamento de persoas acabadas de chegar por un prazo máximo de tres meses.

Por outra banda, elaborarase unha guía de recursos da cidade –con servizos sanitarios, sociais e educativos- e iniciarase un servizo de tradución, que o Concello intentará estabelecer mediante un convenio coa Universidade de Vigo ou coa Escola Oficial de Idiomas. Está previsto desenvolver tamén cursos de lingua galega e de lingua castelá para facilitar a incorporación idiomática dos inmigrantes.

O Plan de Integración contará con actividades de formación para traballadores sociais e persoal do Concello sobre os problemas específicos do colectivo inmigrante e porase en marcha un servizo de atención integral para mulleres en situación de vulnerabilidade.

Vigo convértese deste xeito na primeira urbe de Galicia que desenvolve un programa integral de atención á crecente poboación inmigrante, co que se tenta cubrir todos as frontes que se lles abren ás persoas procedentes de outros países que chegan a Galicia.

Sen sectores illados

O tenente de alcalde da cidade olívica, Santiago Domínguez Oliveira, asegurou que o Goberno local “non quere que as persoas que decidiron xa ser de Vigo configuren sectores illados” e só se relacionen entre eles. A intención dende o Concello é que Vigo se “enriqueza coas achegas culturais” procedentes de moitos recantos do mundo, xa que como destacou Domínguez Oliveira, en Vigo hai actualmente 17.000 inmigrantes empadroados. Con esta cifra, o Concello quere garantir unha “plena integración” das persoas procedentes doutras zonas do mundo.

Nesta liña de integración e influencia entre as diferentes culturas que están presentes en Vigo, ponse en marcha o programa En galego tamén noutros mundos, cuxa primeira actividade será a Festa Multicultural programada para o próximo sábado nas prazas do Progreso e do Berbés. Ademais, buscarase o fortalecemento das organizacións e das entidades formadas por inmigrantes, para un traballo en rede, e impulsarase o Consello Municipal das Migracións.

Pola súa banda, a edil de Benestar Social, María Méndez, anuncio que a presentación do plan terá lugar dentro do II Foro de Inmigración que se celebrará o venres.