11:17 h. viernes, 29 de marzo de 2024

A APRETADA AXENDA EXTERIOR DO PRESIDENTE

Feijóo pasa fóra de Galicia un de cada cinco días

Xornal.com  |  08 de julio de 2009 (01:54 h.)

Un de cada cinco días. Os primeiros compases do mandato de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta estanse a caracterizar pola súa intensa axenda exterior, na que destaca, como destino preferente, a cidade de Madrid.

Dende a súa investidura, Feijóo desprazouse á capital de España ata en nove ocasións, na súa gran maioría en calidade de xefe do Executivo galego –só unha delas tivo como destino único unha xuntanza do Partido Popular–.

Ademais dos encontros institucionais –como a recepción no Pazo da Zarzuela, o 29 de abril, ou as xuntanzas co presidente do Goberno e diversos ministros–, as estancias de Feijóo en Madrid tiveron como obxecto a intervención en diversos foros e medios de comunicación.

Así, entre os meses de maio e xuño, foi posible escoitar o titular da Xunta en ámbitos coma o Forum Nueva Economía ou o Foro ABC. En ambos escenarios, así como en outros actos na capital madrileña, Feijóo optou por un discurso máis duro que o que habituamente emprega en Galicia.

Deste xeito, tanto nestas conferencias como en intervencións en medios de perfil conservador, o presidente galego lanzou fortes críticas ao “nacionalismo importado” do BNG ou ao “guerracivilismo” do Goberno de Rodríguez Zapatero.

Nos apenas dous meses e medio transcorridos dende a chegada de Feijóo a San Caetano, dúas das semanas máis intensas en canto a actividade viaxeira foron as correspondentes á campaña das eleccións europeas do 7 de xuño.

Bilbao, Barcelona ou Granada foron algunhas das paradas dun percorrido electoral que fixo a Feijóo, en opinión dalgúns analistas, o “home de moda do PP”.

Así as cousas, o cómputo total de 14 viaxes en apenas 90 días sitúa a media de desprazamentos nunha quinta parte do tempo transcorrido dende que Feijóo tomou as rendas do Executivo, o pasado abril.

 

Noticias de hoy
Hemeroteca