11:17 h. viernes, 29 de marzo de 2024

13 CATEGORÍAS E PREMIO DE HONRA MARISA SOTO

Gala monstruosa para os XV premios de teatro María Casares

Agencias  |  17 de marzo de 2011 (23:15 h.)
De esquerda a dereita: María Xosé Bravo (concelleira de Cultura da Coruña), Suso Montero, Carlos Sante, Marta Horjales (xerente da AAAG), “Morris” (presidente da AAAG) e Juanillo Esteban.

O presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Antonio Durán “Morris” e a concelleira de Cultura da Coruña, María Xosé Bravo presentaron esta mañá a gala, que terá lugar o vindeiro mércores 23 de marzo. O co-director da cerimonia de entrega, Carlos Sante, explicou os pormenores do espectáculo.

Un circo cheo de seres fantásticos será o encargado de levar adiante o espectáculo.

O presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Antonio Durán “Morris” e a concelleira de Cultura da Coruña, María Xosé Bravo presentaron esta mañá a gala, que terá lugar o vindeiro mércores 23 de marzo. O co-director da cerimonia de entrega, Carlos Sante, explicou os pormenores do espectáculo.

O Teatro Rosalía de Castro acollerá a gran festa do teatro galego, na que se darán a coñecer os gañadores nas trece categorías a concurso.

17 de marzo de 2011.- O espectáculo de variedades do estraño circo do Doutor Crisé será o fío condutor da Gala de entrega dos XV Premios de Teatro María Casares que se celebrarán o vindeiro mércores 23 de marzo, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña dende as 20:30 horas.

A temática escollida pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) desvelouse na rolda de prensa de presentación da cerimonia que tivo lugar esta mañá no Concello da Coruña, coa presenza do presidente da AAAG, Antonio Durán “Morris”; a concelleira de Cultura da cidade da Coruña, María Xosé Bravo; o co-director da gala, Carlos Sante; e máis o responsable da súa escenografía, Suso Montero.

En verbas de Carlos Sante: “Inspirámonos nas feiras e circos que percorrían o mundo amosando artistas e monstros da natureza na mesma carpa. Tamén hai referencias a filmes como “A parada dos Monstros” de Tod Browning ou "O noviño Frankestein" de Mel Brooks. Ritmo de espectáculo terrorífico… bailarinas zombis, cómicos excéntricos, trapecistas vampiros, cabareteiras siamesa e números sorpresa…”.

Antonio Durán “Morris” quixo na súa intervención salientar e agradecer o apoio que, dende fai anos, brinda o Concello da Coruña á Asociación.

A proposta do espectáculo partiu de Willy Éter e Carlos Sante, que resultaron escollidos pola Xunta Directiva da AAAG nun concurso de propostas para esta gala, que é a gran festa anual do teatro galego.

Equipo artístico da gala

A dirección conxunta do espectáculo corre a cargo de Carlos Sante e de Juanillo Esteban. A dirección musical será de Gastón Rodríguez; a idea orixinal e guión, de Willy Éter; Suso Montero é o autor da imaxe gráfica da gala así como do deseño da escenografía e vestiario; produción executiva e coordinación xeral de Marta Horjales.

Gonçalo Guerreiro (caracterizado como o Doutor Crisé) será o presentador acompañado por Pedro Brandariz (como o seu axudante Casemorro).

No elenco tamén haberá bailarinas (Nuria Sotelo e Ángela Blanco), actrices (Sue Moreno, Yolanda Paz, Vanessa Maceiras e Irene Liaño), trapecistas (Girisho Gordon e Raquel Veganzones) acróbatas (Fredi Muiño e Pablo Reboleiro); monologuista (Juanillo Esteban); e clown (Johnny Melville).

Os músicos da cerimonia serán: Gastón Rodríguez, Fernando Lamas, Ricardo Marcos Casás e Juan Tinaquero.

13 categorías e Premio de Honra Marisa Soto

Os Premios de Teatro María Casares contan con 13 categorías: mellor maquillaxe, mellor vestiario, mellor iluminación, mellor música orixinal, mellor adaptación- tradución, mellor texto orixinal, mellor escenografía, mellor actriz secundaria, mellor actor secundario, mellor actriz protagonista, mellor actor protagonista, mellor dirección e mellor espectáculo. Este ano 11 espectáculos, dos 37 que se presentaban acadaron algún posto de finalista.

A eles hai que sumar o Premio de Honra Marisa Soto, que neste 2011 recae no actor, autor e director Xan Cejudo. Con este galardón, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia quere recoñecer a longa traxectoria e a singular contribución de Xan Cejudo á profesionalización do teatro en Galicia.

Os XV Premios María Casares contan coa colaboración, entre outros, de AGADIC, Concello da Coruña, Fundacion AISGE, Novacaixagalicia, GADISA, Concello de Ames, Cadena Ser e TVG.

Noticias de hoy
Hemeroteca