02:03 h. viernes, 19 de abril de 2024

NOVA PUBLICACIÓN DO ESCRITORIO LIBRE POR EXCELENCIA

Publicado o novo GNOME 2.32 co 100% da interface traducida e o 10% da documentación

Fran Dieguez  |  01 de octubre de 2010 (18:16 h.)
Imaxe de publicación do GNOME 2.32

GNOME 2.32 é a última versión do Escritorio GNOME: un contorno de escritorio multiplataforma moi popular para o seu computador. GNOME está enfocado na sinxeleza de uso, estabilidade, internacionalización e na accesibilidade de primeira clase. GNOME é Software Libre e fornece todo un conxunto de ferramentas usuais que se espera encontrar nun computador moderno. O correo electrónico, traballo en grupo, navegación web, xestión de ficheiros, multimedia e xogos son uns exemplos. Así como tamén unha flexíbel e potente plataforma para os desenvolvedores de software, tanto de escritorio como para dispositivos móbiles.

Seguindo a planificación de desenvolvemento de GNOME o pasado 29 de setembro publicouse GNOME 2.32. Trátase da última versión do escritorio GNOME da rama 2.x para a que de agora en diante só se publicarán versión de mantemento. A seguinte versión será a esperada GNOME 3.0 e agárdase para abril de 2011.

GNOME 2.32 atópase traducida ao 100% ao galego grazas ao traballo da comunidade de voluntarios de tradución ao galego de GNOME coordinado por Fran Dieguez, aos que felicitamos polo excelente traballo que están a realizar.

Animámosvos a que colaboredes con esta excelente labor contactando con eles a través da lista de correo de tradución ao galego de GNOME ou a través do Proxecto Trasno, que aglutina a xestión de moitos outros proxectos de tradución ao galego de Software Libre.

O escritorio GNOME 2.32 vén, como en cada nova versión, con características novas, melloras, solucións a erros e traducións, se ben é certo que GNOME 2.32 non presenta unha gran cantidade de novas funcionalidades nos aplicativos xa que os desenvolvedores de GNOME continúan enfocando o seu traballo na preparación da vindeira versión GNOME 3.0.

Nas notas de publicación de GNOME 2.32 destácanse as características máis interesantes de cara ao usuario como por exemplo as melloras no aplicativo de mensaxería instantánea de GNOME: Empathy. Este aplicativo agora permite a creación de metacontactos, é dicir agrupar baixo un único nome a información dun contacto nos distintos servizos de mensaxería que empregue; ten a opción de desactivar o rexistro, ou a apertura automática das conversas entrantes; incorpora melloras nas mensaxes dos erros de conexión e a habilidade de aceptar ou rexeitar eventos entrantes usando os botóns nas burbullas de notificación, entre outras.

Melloras na compatibilidade de PDF. Agora, Orca, o lector de pantalla de GNOME, pode ler os documentos abertos no visor de PDF Evince. Así mesmo aumentouse o nivel máximo de zoom. Mellorouse a compatibilidade de anotacións, sendo posible engadir anotacións dende o panel lateral podendo cambiar as propiedades por omisión incluíndo o autor, a cor, a transparencia e moito máis.

Novas funcionalidade no xestor de ficheiros de GNOME: Nautilus. Incorporouse un novo diálogo que facilita a xestión de conflitos ao copiar ou mover ficheiros, melloras na xestión dos ficheiros enviados ao Lixo facilitando máis información sobre os mesmos por se é preciso recuperalos.

Alén dos cambios máis importantes, tamén hai múltiples engadidos e axustes realizados como en cada nova versión de GNOME.

Ollo de GNOME, o visor de imaxes de GNOME, permítelle seleccionar unha cor de fondo de forma manual para mellorar o contraste da imaxe.

Totem, o reprodutor de filmes de GNOME, agora realiza o desinterliñado automático dos filmes ou dos fluxos que foron filmados con interliñado; ten unha lista de reprodución mellorada, polo aparecerá de forma máis rápida e responderá de mellor forma ao cargar as listas de reprodución.

As Ferramentas do sistema de GNOME permítenlle aos usuarios cambiar o propietario dun ficheiro se foi movido ao seu cartafol persoal e xa está presente.

 

Noticias de hoy
Hemeroteca