00:35 h. miércoles, 24 de abril de 2024

Motivos para folga

| 23 de septiembre de 2010

Como todos podedes lembrar, o pasado mes de xuño, o Congreso dos Deputados aprobou unha serie de duros recortes aos traballadores e traballadoras do sector público, xunto con outras medidas de austeridade. O argumento presentado polo goberno do PSOE foi que era preciso \"darlle confianza aos mercados\".

Como todos podedes lembrar, o pasado mes de xuño, o Congreso dos Deputados aprobou unha serie de duros recortes aos traballadores e traballadoras do sector público, xunto con outras medidas de austeridade. O argumento presentado polo goberno do PSOE foi que era preciso \"darlle confianza aos mercados\". Mais non quedou aí a cousa, xa que dende aquela se aprobou unha reforma laboral sen chegar a acordos cos sindicatos, e agora ameázannos con reformar as pensións, ampliando até os 67 anos a idade de traballo e de 15 a 20 os anos que conforman a base de cotización. Desgraciadamente, a austeridade non incluíu o regreso das tropas de combate despregadas no Afganistán, nin a recuperación do imposto de patrimonio para os máis ricos.

Todas esas medidas contaron co apoio da moi poderosa dereita social e mediática -para quen son mesmo insuficientes- e coa crítica hipócrita dun Partido Popular que nunca di cales son as súas propostas para saírmos da crise. Contra elas están os sindicatos de clase e as distintas forzas políticas do estado situadas no campo da esquerda. Entre elas, o BNG: Olaia Fernández Davila, Paco Jorquera e Pérez Bouza votaron en contra de todos os recortes sociais no Congreso e o Senado.

Agora é o momento de responder todos e todas unidos en defensa de algo máis importante que uns euros ao fin de mes na nómina. Nos din que estas medidas son duras, pero necesarias, que non había máis remedio que recortar os salarios dos funcionarios, baixar as pensións dos xubilados e parar as obras públicas. Pero a realidade é outra: os recortes van provocar que a crise dure moito máis do esperado, como ben saben os 300 traballadores e traballadoras despedidos das obras do AVE cos que me reunín hai uns días. Xavier Vence aseguraba o outro día que ningún economista serio (e independente) apoiou até agora as medidas de axuste tomadas na Unión Europea ou Estados Unidos. Os únicos beneficiarios van ser banqueiros e especuladores, de xeito que os mesmos que provocaron a crise van saír gañando con ela.

Por iso, eu pídolle aos cidadáns e cidadás de Vigo que apoien esta folga xeral, convocada en todo o Estado e tamén en outras nacións de Europa. Non se trata de atacar ao goberno de Zapatero, nin aos pequenos e medianos emprendedores que tamén están sufrindo os golpes da recesión. Temos que defender uns dereitos adquiridos durante xeracións, para nós e para os nosos fillos, porque estou convencido de que o mundo será un lugar moito peor para vivir se estamos obrigados a traballar até os 67 anos por peores salarios, para rematar por cobrar pensións máis escasas. Por iso, os meus compañeiros do grupo municipal nacionalista e máis eu estaremos o mércores 29 de setembro na rúa, coa CIG e cos outros sindicatos de clase en defensa dun futuro mellor para Vigo, para Galiza e para o conxunto da humanidade.

Facebook