05:41 h. jueves, 25 de abril de 2024

A min non me importou

| 23 de septiembre de 2010

Logo dunha xuntanza de inicio de curso, e apoiada no marco da porta, escoitaba como un antigo compañeiro me describía o seu estado de ánimo tras o descanso estival e preto ao reinicio laboral coas seguintes palabras: \"Estou canso. A verdade é que teño ganas de pasar de todo\".

Logo dunha xuntanza de inicio de curso, e apoiada no marco da porta, escoitaba como un antigo compañeiro me describía o seu estado de ánimo tras o descanso estival e preto ao reinicio laboral coas seguintes palabras: \"Estou canso. A verdade é que teño ganas de pasar de todo\". Prestaba eu toda a miña atención a unha narración persoal e social do máis cotiá ultimamente mentres a miña mente divagaba sobre as consecuencias de tanta percepción en negativo. O que no comezo da crise económica era unha oportunidade para refundar o capitalismo, hoxe é a escusa para mudar a orde social. O medo está instalado entre nós e semellamos animais paralizados agardando que o depredador non se decate de que estamos xustamente no seu punto de mira. A parálise impide que nos vexamos, somos incapaces de mover as pupilas para poder mirar arredor.

Mentres tanto as receitas da dereita dan os seus froitos, comezaron demonizando aos funcionarios por seren os causantes da crise económica mundial, seguiron polos sindicatos que son os verdadeiros responsábeis do inxusto sistema de financiamento no que vivimos e gardan como guinda final a expulsión de colectivos –por exemplo os xitanos– pola súa total responsabilidade no crecemento do desemprego europeo. Cada paso medido nos seus tempos é edulcorado de prexuízos e racismo.

Aínda así a parálise non desaparece. Os músculos están entumecidos, as extremidades non responden e o nihilismo comeza a estenderse como néboa fina no solpor. Algúns a isto o chaman desnorte da esquerda, outros afirman que hai que buscar novas categorías, outros ollan con morriña os discursos revolucionarios do pasado. O certo é que a situación requiría primeiro combater esta técnica de inoculación do medo que tan eficaz se mostra, e logo, recuperar a capacidade para recoñecérmonos na linguaxe dos dereitos e a igualdade. A historia da esquerda e do nacionalismo neste país reflicte todo un esforzo colectivo por avanzar en dereitos laborais, culturais, sociais, lingüísticos... Quen os cuestiona na actualidade o fai a través dunha falsificación do hedonismo individualista e da liberdade de bazar que as nosas sociedades construíron nas últimas décadas. A dereita xoga a dúas bandas. Unha é económica e outra ideolóxica. Na primeira todo apunta a que dará a batalla día a día até gañar todo o terreo. Na ideolóxica poñerán todas as enerxías porque até aquí chegamos e hai que voltar ao rego reaccionario. E mentres tanto eu só me pregunto se estamos dispostos e dispostas a perder a ilusión. Se seguiremos vendo moi tópico recurrir a Brecht para transmitir que o \"a min non me importou\" porque non me tocaba, só garante unha tranquilidade efímera.

Temos demasiados interrogantes no horizonte e poucas verdades na mochila. A folga do 29 debe ser un bo momento para comezar a desentumecernos, para recoñecer que non temos as receitas perfectas mais que, cos defectos que ten a utopía feita carne, estas son máis xustas, máis sociais, máis ecolóxicas, máis feministas ou máis democráticas que as do novo espectro que percorre Europa.

Facebook