"HAI MOITAS CABEZAS QUE ESTÁN SÓ PARA SEPARAR AS ORELLAS"

Bernabé Tierno: "En España hai máis parvos que na maioría dos estados do mundo"

Marga Tojo  |  29 de junio de 2010 (13:22 h.)
Bernabé Tierno
Bernabé Tierno
O mediático asesor psicolóxico arremete contra unha sociedade 'adormecida' na presentación do seu quincuaxésimo libro: 'Hai moitas cabezas que están só para separar as orellas'. O seu segredo da felicidade? 'Poñerllo fácil'

"A felicidade é un vestido a medida que te fas ti". Bernabé Tierno fala como alguén que leva trinta anos "axudándolle á xente a tomar as rendas da súa sorte": moito e con serenidade. Receita claves de satisfacción vital ao alcance de todos os petos e asegura pasar "olimpicamente" dos envexosos e dos que lle queren facer dano. Nós por iso xa o envexamos.

Vostede é feliz?

Son moi feliz. Sabe por que? Porque non preciso máis que a vida cotiá para ser feliz, póñollo doado á felicidade. Os españois temos que aprender a vivir con menos, que non necesitemos abraiar o do lado con que temos o mellor coche.

Daquela, a crise faranos cambiar.

Eu creo que si. O proceso que levaba España era terríbel. Que un piso de noventa metros cadrados custase cen millóns era un disparate, isto tiña que rachar por algún lado. O mesmo acontece cos políticos, que teñen que ser máis responsábeis e actuar como se os cartos fosen realmente seus.

Xa ve que a clase política é a terceira preocupación dos cidadáns do Estado.

Iso é terríbel. Sería necesario que aos políticos, cando deixan os cargos, non lles quedase ningún salario derivado disto, que volvan ao seu traballo. Os políticos teñen que ser servidores, se non que non veñan.

Vostede dixo nuha ocasión que en España hai máis parvos por metro cadrado que na maioría dos estados do mundo. Segue a pensar o mesmo?

Si.

Por que?

Porque a pesar de que as cousas vaian mal, a xente continúa a ver programas de televisión estúpidos, segue allea a todo. Un país que segue a vida estúpida e necia de alguén que non fixo nada, e que relega a segundo plano a xente brillante, con salarios ínfimos e sen cabida en programas e nos espazos de debate, é un país fracasado. Aquí hai moitas cabezas que están só para separar as orellas. Por que cre que hai tanto fracaso escolar? O meu primeiro libro El fracaso escolar, presentoumo Tierno Galván e díxome: "Este é o mellor libro que vin sobre o tema". Por iso me doe tanto o que acontece e ver que estamos adormecidos. Os profesores cóntanme que os referentes dos seus alumnos son Belén Esteban e Kiko de Gran Hermano. Ser deuses por soltar catro berros.

Parécelle que a situación é reversíbel?

O primeiro que debería haber é políticos que teñan verdadeira preparación intelectual.

Iso é un non?

É un: Necesitamos un cambio urxente. E ese cambio moitas veces non chega porque a xente é moi covarde, viven nun estado de medo.

Fuente: galiciahoxe

Más acciones:
Hemeroteca