02:16 h. viernes, 26 de abril de 2024

OS INGRESOS MEDIOS DOS GALEGOS CAERON EN 2009 POR PRIMEIRA VEZ. O 58% DECLARA TER DIFICULTADES PARA CHEGAR A FINAL DE MES

Cada ano somos mais pobres en Galicia

Agencias  |  29 de diciembre de 2010 (11:22 h.)
Os ingresos medios dos fogares galegos caeron en 2009 por primeira vez dende que se elabora a enquisa de condicións de vida do Instituto Galego de Estatística (IGE)

Os ingresos medios dos fogares galegos caeron en 2009 por primeira vez dende que se elabora a enquisa de condicións de vida do Instituto Galego de Estatística (IGE).

O director xeral do IGE, José Antonio Campo Andión e o subdirector de Produción Estatística, Manuel Mateo, presentaron onte os resultados da enquisa referidos a 2009 e explicaron que, dende 2003, os ingresos medios se foron incrementando ano a ano pasando dende os 1.591 euros de media nese ano ata os 2.029 de 2008, cando se deixou notar a crise. \"Previsiblemente en 2010 os datos serán moi similares a eses 2.010 euros\", apuntou Mateo.

Ademais, rexístranse diferenzas entre as áreas estudadas -a comunidade dividiuse en 20 zonas para a análise-, de modo que son as de Santiago (cunha media de 2.275 euros), Pontevedra (2.258 euros) e A Coruña (2.221 euros) as de maiores ingresos, en contraste coas bisbarras máis pobres, Ourense Sur (1.459 euros); O Carballiño-O Ribeiro (1.563 euros) e Lugo Sur (1.646 euros), que son tamén as máis envellecidas.

A provincia de Ourense, en especiais dificultades

O 22,27 por cento dos fogares ten uns ingresos de 1.000 euros ou menos e un 6,37 por cento non supera os 600 euros mensuais. As prestacións son a principal fonte de ingresos para o 39,86 por cento dos fogares galegos unha porcentaxe que supera o 50 por cento no caso específico da provincia de Ourense.

A porcentaxe de familias galegas que se atopan en risco de pobreza incrementouse en 2009, en relación co ano anterior, ao pasar do 13,88% ao 14,32%. Se se descontan as prestacións percibidas, a porcentaxe de fogares en risco de pobreza sobe ata o 32 por cento.

As provincias de Pontevedra e Ourense atópanse por enriba da media. Por zonas, son as do sur da Comunidade galega as que teñen unha maior taxa de poboación en risco de pobreza (por enriba do 25 por cento en Ourense Sur e Pontevedra Sur), seguidas do Carballiño-O Ribeiro (un 20,89%), Costa da Morte (un 20,21%) e Lugo Oriental (19,04 por cento).

OUTROS DATOS

Dous de cada dez, atados á hipoteca

Segundo os datos do IGE, o 22 por cento dos fogares galegos paga unha hipoteca para a compra da súa vivenda habitual, á que destinan unha media de 468 euros mensuais. Os créditos asinados máis recentemente son por contías maiores e con cotas máis elevadas. 

Ademais, o 14,26 por cento das familias teñen tamén un crédito para a compra dun vehículo, cun gasto medio mensual de 250 euros; mentres que un 6,5% dos fogares pediu empréstitos para outros conceptos relacionados coa vivenda, como son electrodomésticos ou mobles. A cota que pagan de media neste caso é de 195 euros.

Só maiores no 20% das casas

Un de cada cinco fogares galegos está formado unicamente por persoas maiores de 65 anos. As zonas máis envellecidas son Ourense Sur e Lugo Sur  e a máis nova é a de Santiago.

O 60% dos mozos vive cos seus pais. A enquisa mostra tamén as dificultades dos mozos para emanciparse.

Fuente: GaliciaHoxe

Noticias de hoy
Hemeroteca