00:00 h. viernes, 26 de abril de 2024

ZONA VELLA OURENSE

Entre os libros e o licor café, pub Auriense

Agencias/blogs.xornal.com  |  05 de mayo de 2010 (15:16 h.)
O produto estrella “está caralludo” para acompañar a música en directo e hai unha completa biblioteca onde consultar os clásicos da literatura galega.

\"\"

David Paz di que o Auriense é o “único garito onde escoitar música en directo” / Foto: Nacho Gómez

Marcos Sueiro

Cando un anda de vagar pola tardiña en Ourense ten dúas opcións, ou dá voltas polo casco vello, mira as pérgolas da Catedral e de paso cultiva o espírito ou, pola contra, cae nun bar. Claro que é posible querer as dúas cousas: cultivar o espírito e tomar unha caña, e na cidade a opción e o Café Cultural Auriense. Hai que ir ata a praza do Correxidor porque é aí onde está o lugar en cuestión. Se lle preguntas a David, o dono, pois dicho todo, pero o curioso é que é certo, porque incluso o confirman os que van polas rúas vellas, con bastón e con nodo de tea na gorxa. Os do bastón non abundan pero “porque se lles fai tarde”.

Dende as seis hora galega, como se di na radio, a xente xa está na terraza e dende alí, se refresca e vai friaxe, pasan para dentro. Ao principio as mesas suxeitan mentas poleos ou poleos mentas, claras con limón, cervexa con ou sen alcohol, porque o licor café aínda non saíu da neveira. Tamén poñen pinchos que non son de coiro e millo, senón de ovo e patacas fritidas, ou de pan con queixo ou xamón e chourizo. Trátase de acompañar con algo salgado a tanto merengue.

Se entras, a primeira hora, cómpre volver dicir que no Auriense falar de primeira hora é facelo das seis da tarde, atopas ao David e ao seu dream team colocando as mesas, baixando as cadeiras e indo e vindo e tamén, por qué non, meténdose no ambiente e pillando cervexas. A sorpresa xorde cando ves que as táboas con patas serven de escaparate, levántase un cristal e podes escoller chaveiros, colares, fundas para gardar a picadura de tabaco, chisqueiros…e tamén as follas dalgún xornal que fala dalgún músico que tocou no Cultural. Neste bar tocan grupos, por certo, e isto non é unha cuestión menor, David Paz insiste en apuntarse o tanto: “Somos o único garito onde podes escoitar música en directo, grupos que son de Ourense e outros que veñen dalgún outro canto do país”. E como o vin, crino e digo: tamén hai monólogos, duran menos que o de Segismundo, e tamén contacontos e recitais, pero tamén licor café “o noso produto estrela”. Os que alí están, explican: “Está caralludo e se queima, pides outro e non o notas, palabra…”

O compromiso é outro das características do local. Compromiso coa lingua, porque a dominante, incluso durante o vixente reinado do “trilingüismo”, é a galega, compromiso con causas e con pobos a través de carteis que piden un Sahara libre ou lembran o berro de Nunca Máis, compromiso coa liberdade sexual e compromiso coa cultura que concreta na reprodución de pantallas de Xinzo da Limia ou os peliqueiros de Verín….Esquecíame doutro compromiso, o da auga da comarca de Monterrei, incluíndo a Única que vai do manancial á botella.

Percíbese o Auriense como un local coidado, que se proclama herdeiro dunha sociedade cultural de corenta e tres anos de idade, e que tivo como presidente a Ramón Otero Pedrayo e máis recentemente ao Carrabouxo. Nunha das paredes está un moble cunha completa biblioteca para facer consultas nos libros máis clásicos da literatura galega. Os exemplares non están ao ar para que non lles entre o fume pero sempre podes coller e botarlle unha nova ollada A Esmorga de Eduardo Blanco Amor.

O silencio non é a compañía necesaria no Auriense porque se vas alí queres escoitar boa música que fan galegos como Berrogüetto ou Espido ou a que ven dende Cuba, Brasil ou o mesmo Portugal. Depende do momento escoitarase unha ou outra, como dependendo do momento pódese ir nun plan ou noutro, porque ata ás tres podes quedar alí e intercambiar palabras e ritmos cos e coas que se acheguen para repor combustible e gozar do espírito. Un dos veteranos que por alí vai sempre, cando marchas despide e di: “Mañá volvemos a mollar a palabra”.

Praza do Correxidor nº 11 – OURENSE

Noticias de hoy
Hemeroteca