02:21 h. jueves, 16 de mayo de 2024

POLITICA

A Xunta subvenciona á selección que liquidou

david lombao /  |  25 de noviembre de 2009 (14:00 h.)

A Secretaría Xeral para o Deporte subvenciona un partido que nunca se chegará a xogar. O departamento dirixido por José Ramón Lete –con dependencia orgánica directa da Presidencia da Xunta– detallou onte no Diario Oficial de Galicia (DOG) as “subvencións a federacións deportivas galegas para promover competicións deportivas das diferentes seleccións absolutas no ano 2009” ou, o que é o mesmo, organizar, no caso do combinado de fútbol, o seu partido anual.

Despois de que, tal e como ten adiantado Xornal de Galicia, o máximo responsable do deporte galego lle confirmase á Federación de Fútbol a súa intención de “non financiar partidos amigables que non sexan para preparar competicións oficiais”, o órgano federativo recibirá agora 9.000 euros precisamente para esta finalidade –ningunha competición oficial contempla na actualidade a participación de equipos coma o combinado de Galicia–.

Así as cousas, esta asignación orzamentaria chegará ás arcas dunha federación que, segundo relata o seu presidente, Carlos Meana, dedicou os pasados meses á busca de fondos en solitario para organizar o encontro, despois de que o “patrocinio” que a Fundación Deporte Galego destinaba a financiar os encontros da Irmandiña “non fose renovado” polo novo Executivo galego.

Con todo, a achega da Xunta apenas un mes antes da data na que tradicionalmente a selección celebra os seus encontros queda lonxe do custo que, segundo ten recoñecido o propio Lete, trae consigo a organización dos encontros, un montante que, “en catro anos”, explicou no Parlamento, supuxo “tres millóns de euros” (suma resultante dos encontros da selección absoluta e dos equipos inferiores).

Fronte a esta decisión para o combinado futbolístico, o departamento de Lete reserva máis fondos para deportes, a priori, máis minoritarios, caso da petanca, con 11.500 euros, ou a loita, con 14.500 euros.

Neste mesmo escenario, seleccións galegas que teñen levado ás canchas un número de afeccionados inferior á de fútbol, tamén contarán con máis cartos. Será este o caso dos combinados galegos de baloncesto, que disporá de 14.500 euros, ou balonmán, cunha achega de 13.500. Máis preto do asignado ao fútbol quedan outras especialidades, coma os bolos, que recibe 8.500 euros, e a selección de pádel, subvencionada con 7.500.

Noticias de hoy
Hemeroteca