00:33 h. miércoles, 15 de mayo de 2024

POLITICA

Unha nova plataforma salta ao escenario en defensa da lingua

r. S. /  |  25 de noviembre de 2009 (14:00 h.)
Sindicalistas, artistas e representantes de varios sectores reivindicarán a “lingua de liberdade”

A mobilización social en defensa do idioma galego ante os que denominan “ataques da Xunta do PP” non rematou na multitudinario manifestación do 18 de outubro senón que segue a dar pasos. Un deles terá lugar hoxe en Compostela, onde ás 12.00 horas o Teatro Principal acollerá a posta de longo doutra das plataformas nacidas a prol da lingua, neste caso Galego, Patrimonio da Humanidade, que defenderá o idioma propio cun acto no que se reivindicará a pluralidade como valor para o seu respaldo e tamén a súa condición de “lingua de liberdade”.

“O galego é un idioma como outros, pero non se debe esquecer que foi no que se fixo o combate polas liberdades”, ten sinalado a Xornal de Galicia un dos impulsores da plataforma, o profesor e analista Antón Baamonde. Ademais, el mesmo tamén destaca a necesidade –central nesta iniciativa– de buscar unha amplitude de miras que non exclúa a actores clásicos deste tipo de mobilizacións pero busque unha base social máis ampla.

“É importante disociar a defensa do galego do nacionalismo, porque esa é unha redución interesada por parte do PP, que sabe que iso convén aos seus obxectivos. Contamos con xente eminentemente nacionalista, pero o feito de que haxa apoios de sindicatos estatais ou xente coñecida do PSdeG é un intento de pluralidade”, di Baamonde.

No acto de hoxe participarán persoeiros como os secretarios xerais dos sindicatos Comisións Obreiras e UGT, o ex deputado do BNG Pablo González Mariñas, a ex conselleira de Educación co PSOE Laura Sánchez Piñón, o artista Antón Reixa, a actriz Tamara Canosa ou os profesores Henrique Monteagudo e Fermín Bouza.

Noticias de hoy
Hemeroteca