00:01 h. lunes, 29 de abril de 2024

POLITICA

Os usuarios das oficinas de I+B esixen ao Goberno que non desmantele os servizos

c.d.p./d.l /  |  25 de noviembre de 2009 (14:00 h.)
“O PP vai acabar cun servizo social moi importante no rural”, 
din dende CIG- Ensino


Mentres a Xunta de Galicia continúa adiante coa súa intención de botar á rúa a 61 traballadores das oficinas de I+B, dependentes do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, as mostras de solidariedade dos seus usuarios se multiplican. Onte mesmo, o denominado Consello de Anciáns de Xestoso, no municipio coruñés de Monfero, fixo público un comunicado no que pedía á Xunta que reconsiderase a súa intención de desmantelar estes servizos.

O presidente deste colectivo e cura da parroquia, Luis Ángel Rodríguez, manifestou onte que “a oficina de I+B das Pontes, a que atende a zona, leva a cabo un gran labor social”. “Sobre todo cos maiores, algo que nos queren quitar”, dixo.

O labor dos traballadores de Igualdade e Benestar é moi ampla nesta zona do Eume. “Aquí hai tres asociacións: o Consello de Anciáns, a Asociación de Mulleres Rurais e a Universidade Rural, que dependen da universidade a distancia e pola que reciben clase máis de 140 maiores de 65 anos. Dende as oficinas de I+B axudábannos a xestionar todas estas cousas”, explica Rodríguez. “Con eles fixemos obradoiros de risa, de autoestima, charlas de educación para a saúde e outras sobre violencia de xénero”, conta. “Xustamente, este cuatrimestre pola UNED Senior tiñamos unha asignatura sobre violencia de xénero, e ían vir a darnos as clases os das oficinas de I+B das Pontes. Agora non vai poder ser”, laméntase o párroco mentres fai un cálculo mental de todas as persoas ás que atendía dunha ou outra forma o organismo dependente do Consorcio. “Hai 144 persoas matriculadas na UNED; entre 80 e 90 na Asociación de Mulleres do Rural, e no Consello de Anciáns máis de cento e pico”, explica. “Esta decisión joroba a moita xente”, conclúe.

A este colectivo de Monfero non lles vale que as axudas que lles aporta a oficina de I+B das Pontes agora vaian ser levadas pola secretaria xeral de Familia e Benestar desde Compostela. “Non pode ser o mesmo. Esta xente xa nos coñece, coñece as persoas e a súa forma de ser, nos atenden. Non sei como van facer o mesmo, ben sexa dende unha oficina da Coruña ou de Compostela. Tanto falan do rural e agora nos van deixar outra vez sós”, reflexiona o párroco.

Mentres en Monfero os usuarios das oficinas de Igualdade e Benestar se queixan e piden á Xunta que recúe, o sindicato CIG deu onte por convocada unha folga en contra dos despedimentos que se celebrará o próximo día 24. Ademais das mobilizacións programadas, o próximo día 18 terá lugar unha concentración diante da Consellería de Traballo. Segundo informou o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Lorenzo, “xa se levan recollidas máis de 600 sinaturas dos propios traballadores do Consorcio manifestando o seu rexeitamento e demandando a aplicación do convenio colectivo así como da convocatoria de oposicións para resolver todas as irregularidades”. “Estamos a asistir a desmantelación dun servizo social no rural –incidiu– No aire quedan as accións formativas para o vindeiro ano, como obradoiros en centros de ensino ou plans de igualdade”.

Noticias de hoy
Hemeroteca