07:20 h. lunes, 29 de abril de 2024

POLÍTICA

Feijóo arremete por terceira vez nunha semana contra o ‘Estatut’

Xornal.com asdas  |  02 de diciembre de 2009 (20:11 h.)
Fraga ve “insoportable” a actitude dos políticos e da prensa catalá “que destrúe España”

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, segue a cargar contra o Estatut catalán. Por terceira vez en menos dunha semana o dirixente popular criticou un texto cuxo problema radica en “estar deseñado por partidos minoritarios”. Logo de advertir o pasado domingo que Cataluña “non é un referente para Galicia” e de criticar tras o Consello da Xunta as “presións” á Xustiza por parte dos períodicos que publicaron o editorial, o líder do PPdeG manifestou onte que “é moi grave ter convertido o Estatut nun pleito do Constitucional” e responsabilizou desta situación “á improvisación do Goberno de Zapatero”.

“Converter un Estatuto de Autonomía nun pleito é todo un fracaso da política”, sentenciou o mandatario galego durante a clausura do I Curso de Outono Gerardo Fernández Albor que tivo lugar en Brión.

Neste escenario, Núñez Feijóo resaltou que o debate sobre o Estado das Autonomías constitúe “un dos piares que condicionará o futuro da comunidade galega” e alertou “da improvisación” que ao seu xuízo está marcando o citado proceso.

Na liña crítica das últimas xornadas, Feijóo manifestou o seu temor polo feito de que “o modelo de Estado o deseñen partidos minoritarios”, e exemplificou esta afirmación no Estatut. “Quebramos a práctica de aprobar un Estatuto co apoio dos partidos maioritarios para convertelo nun pleito”, insistiu o popular. “Botamos en falla grandes acordos en materia de arquitectura constitucional”, manifestou Feijóo quen en xaneiro de 2007 non foi quen de chegar a un pacto con socialistas e nacionalistas galegos para sacar adiante un novo texto estatutario para Galicia.

Fronte a isto, o político conservador avogou por “recuperar o consenso no ámbito autonómico” e sinalou que “facer isto e aplicar o realismo na análise do momento económico son dous elementos claves para saír canto antes da crise económica”. Así, instou ao conxunto de dirixentes políticos “a preocuparse polos problemas dos cidadáns” xa que “mentres aquí as preocupacións se centran nunha sentenza e se perde o tempo, outros países como Francia estano a aproveitar”.

No acto de Brión, tras as declaracións de Feijóo interviu o ex presidente da Xunta Gerardo Fernández Albor quen manifestou que coa súa idade lle gustaría ver a Feijóo “como presidente de Galicia ou de España”, xa que os actuais dirixente estatais “están destrozando España, e España significa liberdade”.

As críticas do presidente do PPdeG­ únense ás do seu predecesor, Manuel Fraga, quen onte mesmo criticou as declaracións e actitude que ao seu entender están mantendo varios dirixentes cataláns en relación a unha pronta sentenza sobre o Estatut. “Iso é destruír España”, manifestou.

Fraga pronunciouse así ao ser preguntado polas declaracións do presidente catalán, Josep Montilla, nas que aseguraba que aceptaría a sentenza do Constitucional pero arremetendo contra “os que excitan os prexuízos do anticatalanismo”. As reivindicacións de Montilla non foron do agrado do senador galego quen manifestou que “o Estatuto de Cataluña é completamente inconstitucional”. O veterano político tamén cargou contra o editorial firmado por doce xornais cataláns a prol do novo Estatuto: “É insoportable a actitude da prensa e de varias persoas de Cataluña. Iso é destruír España”. As palabras de Fraga non desentoan coas declaracións feitas nesta última semana polos dirixentes do seu partido que non se mostraron nada de acordo coa iniciativa a prol do texto catalán levada a cabo por un gran número de cabeceiras desa comunidade. O propio Feijóo chegou a manifestar que o editorial era “unha medida de presión” para o Constitucional. Así, CiU anunciou que impulsará no Parlament unha declaración institucional “que apoie e suscriba o editorial pro Estatut como demanda a sociedade”.

Deste xeito, mentres o Estatut continúa en mans do Constitucional e un novo texto galego segue no limbo ao non ser un asunto prioritario para Feijóo, o novo Estatuto para Castela A Mancha parace estar cercano logo de que así o reiterase a secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal.

 

Noticias de hoy
Hemeroteca