00:39 h. sábado, 04 de mayo de 2024

POLITICA

O PSdeG ve un “pelotazo” no hospital de Bos Aires

MIGUEL PARDO /  |  25 de noviembre de 2009 (14:00 h.)
Seara cre que a situación do edificio na capital arxentina é “un caramelo” para calquera inmobiliaria

O PSdeG cre que a intención da Xunta, adiantada por Xornal, de ceder a xestión do Centro Gallego de Bos Aires ao grupo castelán-leonés 3A Recoletas “pode ser un pelotazo”. A deputada socialista, Laura Seara, censurou onte a proposta da Xunta de “regalar” a unha empresa “amiga” o histórico hospital da diáspora, e lembrou que a empresa que pretende facerse co sanatorio ten como obxecto social “a xestión, adquisición e traspaso de valores inmobiliarios”.

“É un pelotazo que ten mala pinta”, insistiu Seara, que recordou que o Centro Gallego ocupa un emprazamento envexable no centro de Bos Aires, polo que supón “un caramelo” para calquera empresa inmobiliaria, incluídas “as amigas” do PP.

Ademais, a deputada socialista acusou a Xunta de intentar realizar esta operación xusto cando o hospital “empeza a funcionar”. Así, lembrou que cando o bipartito chegou ao poder o Centro Gallego tiña unha débeda duns 6 millóns de euros, polo que se iniciou un plan de viabilidade que en 2008 tirou un balance de xestión cun crecemento positivo do patrimonio neto dun millón de pesos arxentinos.

Por outra banda, Seara destacou o “gran negocio” que suporía para o grupo 3A Recoletas a xestión do Centro Gallego, xa que recibiría 3,1 millóns de euros de subvencións durante nove anos e un contrato ata 2022. Xa que o hospital factura uns 7 millóns de euros ao ano, os cálculos da deputada apuntan a que a empresa “recuperaría o invertido e gañaría 4,2 millóns” durante o periodo de cesión.

O PSdeG recordou tamén na rolda de prensa a noticia publicada por Xornal na que se advertía que Antonio Burgueño, xerente do Centro Gallego con Manuel Fraga, mantén negocios con 3A Recoletas a través da súa empresa Megalab, que está tamén incluída no “entramado societario” de Gesmédica, que comparte sede con Fegas e co PP.

Noticias de hoy
Hemeroteca